Friday 05 de July de 2024

O concello presentará a candidatura para que A Laracha sexa recoñecida por UNICEF como “Cidade Aamiga da Infancia”


A distinción poría en valor as boas práctica municipais no desenvolvemento de políticas locais en materia de infancia e adolescencia.

O goberno local elevará á próxima sesión plenaria, que se celebrará o venres da semana que vén, a aprobación da candidatura do Concello da Laracha como “Cidade Amiga da Infancia”, unha cuestión que xa foi sometida ao ditame da Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno.

A distinción é outorgada por UNICEF para impulsar os dereitos da infancia e da adolescencia no ámbito local. Concédese aos concellos que mostran o seu compromiso nesa materia mediante a aplicación de modelos de xestión e de sistemas de gobernanza que xeren mecanismos reais de participación dos nenos e mozos cunha estratexia a longo prazo que sitúe a eses colectivos no centro das políticas municipais.

Neste sentido, en setembro do ano pasado fora aprobado o I Plan Local de Infancia e Adolescencia (PLIA) do Concello da Laracha, documento consistente nunha folla de ruta que articula o compromiso cos dereitos e o benestar dos nenos e adolescentes e orienta as políticas municipais nesa materia, expoñendo os retos e metas que se deben acadar para os vindeiros anos.

No marco do PLIA foi creado o Espazo de Participación de Nenos, Nenas e Adolescentes, e leváronse a cabo iniciativas como a participación da Laracha no XI Foro Infantil UNICEF-Parlamento de Galicia e o desenvolvemento de xornadas de seguridade viaria nos tres colexios do municipio.

A obtención da distinción como “Cidade Amiga da Infancia” suporía o recoñecemento de UNICEF ás boas prácticas municipais e un aliciente para o desenvolvemento, a mellora continua e a innovación das políticas locais dirixidas á infancia e á adolescencia.